• 01-Diciembre-2017 12:22
    Novas

    Que a vixente Ordenanza municipal de posesión e custodia de animais, establece entre outras, as seguintes NORMAS BÁSICAS:

    1.- Con carácter xeral autorízase a posesión de animais domésticos de compañía nos domicilios particulares, estando condicionada a que as circunstancias hixiénicas do seu aloxamento sexan óptimas, á ausencia de riscos no aspecto sanitario e á inexistencia de perigos ou molestias evitables para os veciños ou para outras persoas.

    2.- Con tal finalidade, desde as 22:00 ata as 8:00 horas prohíbese deixar nos patios, terrazas, galerías ou balcóns, aves e animais en xeral que cos seus sons, ouveos ou cantos perturben o descanso ou tranquilidade dos veciños. No resto do día os propietarios tamén tomarán as medidas precisas para que non se produzan molestias á veciñanza.

    3.- Nas vías públicas e os espazos naturais protexidos OS CANS IRÁN SUXEITOS CON CADEA OU CORREA.

    4.- Prohíbese a circulación e permanencia de cans e outros animais nas piscinas públicas durante a tempada de baño.

    5.- Queda prohibida a entrada de animais en recintos de prácticas de deportes e de xogos infantís ou naqueloutras zonas que o Concello determine atendendo ás súas dimensións ou réxime de usos.

    6.- Queda expresamente prohibido que os cans accedan ás zonas de xogo infantil das prazas e parques do municipio.

    7.- Prohíbese lavar animais na vía pública e fontes, así como darlles de beber auga afociñados ás billas das fontes públicas.

    8.- OS CANS CATALOGADOS COMO POTENCIALMENTE PERIGOSOS terán que circular polas vías públicas e en lugares e espazos de uso público en xeral, ATADOS CON CADEA OU CORREA NON EXTENSIBLE, PROVISTOS DA CORRESPONDENTE BUCEIRA homologada e adecuada para a súa raza.

    O incumprimento das normas recollidas na ordenanza implica a imposición das sancións que nela se especifican, de acordo coa Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

    O cumprimento destas normas é un ben para todos os que frecuentamos os espazos públicos e, en especial, para os máis pequenos nas súas áreas de xogos, onde con frecuencia levan as mans á boca, e para as persoas que circulan en cadeiras de rodas, o que, nalgúns casos, as obriga a utilizar as mans para impulsarse atopando nas beirarrúas os escrementos dos cans.